O día 23
de abril foi elixido como «Día
Internacional do Libro», pois supostamente coincide co falecemento de Miguel de Cervantes, William Shakespeare e o Inca Garcilaso de la Vega na mesma data
no ano 1616. Realmente Cervantes faleceu o 22 e foi enterrado o 23, mentres que
Shakespeare morreu o 23 de abril do calendario juliano, que corresponde ao 3 de
maio do calendario gregoriano. Nesta data tamén faleceron William Wordsworth
(en 1850) e Josep Pla (en 1981).
O Día
do Libro celebrouse por primeira vez baixo os auspicios da UNESCO en 1995 coa
idea de fomentar a lectura, a edición e publicacións impresas e os dereitos
de autor.
Había unha vez un
conto que contaba o mundo enteiro (Francisco
Hinojosa):
Había unha vez un conto que contaba o mundo enteiro. Ese
conto en realidade non era un só, senón moitos máis que comezaron a poboar o
mundo coas súas historias de nenas desobedientes e lobos seductores, de
zapatiños de cristal e príncipes namorados, de gatos inxeniosos e soldadiños de
chumbo, de xigantes bonachóns e fábricas de chocolate. Poboárono de palabras,
de intelixencia, de imaxes, de personaxes extraordinarios. Permitíronlle rir,
asombrarse, convivir. Cargárono de significados. E dende aquela eses contos
continuaron multiplicándose para dicirnos mil e unha veces “Había unha vez un
conto que contaba o mundo enteiro…”
Ao ler, ao contar ou ao escoitar contos estamos exercitando
a imaxinación, coma se fose necesario adestrala para mantela en forma. Algún
día, seguramente sen que o saibamos, unha desas historias acudirá ás nosas
vidas para ofrecernos solucións creativas aos obstáculos que se nos presenten
no camiño.
Ao ler, ao contar ou ao escoitar contos en voz alta tamén
estamos repetindo un ritual moi antigo que cumpriu un papel fundamental na
historia da civilización: facer comunidade. Ao redor deses contos reuníronse as
culturas, as épocas e as xeracións para dicirnos que somos un só os xaponeses,
os alemáns e os mexicanos; aqueles que viviron no século XVII e nós que lemos
un conto en Internet; os avós, os pais e os fillos. Os contos énchennos por
igual aos seres humanos, a pesar das nosas enormes diferencias, porque todos
somos, no fondo, os seus protagonistas.
Ao contrario dos organismos vivos, que nacen, se reproducen
e morren, os contos, que xorden colmados de fertilidade, poden ser inmortais.
En especial aqueles de tradición popular que se adecúan ás circunstancias, ao
contexto do presente no que son contados ou reescritos. Trátase de contos que,
ao reproducilos ou escoitalos, os converten nos seus coautores.
E había unha vez, tamén, un país cheo de mitos, contos e
lendas que viaxaron polos séculos, de boca en boca, para exhibir a súa idea da
creación, para narrar a súa historia, para ofrecer a súa riqueza cultural, para
excitar a curiosidade e encher de sorrisos os beizos. Era tamén un país no que
poucos dos seus poboadores tiñan acceso aos libros. Pero esa é unha historia
que xa empezou a cambiar. Hoxe os contos están chegando cada vez máis a
recunchos afastados do meu país, México. E ao atoparse cos seus lectores están
cumprindo co seu papel de facer comunidade, facer familia e facer individuos
con maior posibilidade de ser felices.
Recursos para traballalo nas aulas....
CONTOS CLÁSICOS CANTADOS...
CONTOS CLÁSICOS CANTADOS...
No hay comentarios:
Publicar un comentario