CARLOS CASARES: LETRAS GALEGAS 2017
BIOGRAFÍA
Carlos Casares Mouriño naceu en Ourense o 24 de agosto de 1941, pero aos catro anos
marchou para Xinzo de Limia, onde o seu pai, Francisco Casares, traballaba de mestre.
Durante a súa infancia en Xinzo de Limia ten un contacto directo coa natureza, alí aprende os
nomes das árbores, dos paxaros, alí inicia a súa relación co cine, coa radio , co fútbol, co xogo e
coa lectura. Foi unha infancia moi feliz rodeado da familia.
Cando non tiña máis de tres anos, Carlos estivo a piques de morrer afogado no río, nun
dos veráns de Lamas, salvouno a súa curmá, da mesma maneira que o propio Carlos salvaría
uns anos máis tarde ao seu irmán Xavier, que tamén se afundía sen remedio nas augas do
Limia ata que Carlos o rescatou.
No anos cincuenta estudou no Seminario de Ourense, no que ingresou no ano 1952. Foi
alí onde o seu destino literario comezou a manifestarse. Carlos publicou no Seminario un
periódico chamado “El Averno do que”, segundo declararía máis tarde, era “director e único
redactor”. O contacto cun profesor de Literatura, don Agustín Madarnás, foi decisivo no
afianzamento da súa vocación de escritor.
Ao rematar a época do Seminario, Carlos presentouse a un concurso provincial de
relatos breves e ganouno. Foi Arturo Lezcano que o levou daquela a coñecer a Vicente Risco,
que formara parte do xurado e comezou nese momento unha curta pero intensa amizade
cultivada día a día na tertulia de diferentes cafés de Ourense, xunto con outros escritores e
artistas como Prego de Oliver, Ferro Couselo, Xaime Quessada, Antón Tovar, Conde Corbal,
Xaquín Lorenzo, Xosé Luis de Dios, Julio Gimeno, Acisclo Manzano, Arturo Baltar, José Luis
López Cid ou o xa citado Lezcano.
Nos anos sesenta marcha de Ourense a Compostela onde estuda Filosofía e Letras, alí
entra rapidamente en contacto co grupo de estudantes galeguistas capitaneados por Ramón
Piñeiro. A relación con Piñeiro irá medrando e intensificándose nestes anos e desembocará
nunha indestrutible e íntima amizade. Comeza nesa época a traballar en diferentes
agrupacións galeguistas como a Agrupación Democrática de Estudantes.
Nestes anos comeza o Carlos Casares escritor con “Vento ferido” en 1967 , un libro de
relatos xuvenís. Un ano máis tarde gaña o primeiro concurso de relatos convocado pola
Asociación Cultural “O Facho” con “A galiña azul”, un conto para nenos que reflicte moi ben o
seu espírito comprometido. Pouco máis tarde escribe “Cambio en tres”, que aborda a temática
da emigración. Nesta época comeza a traballar como mestre en Viana do Bolo.
En 1971, nun tren que se dirixe a Santiago de Compostela, Casares coñece a Kristina
Berg, unha rapaza sueca que navega por Galicia a bordo dun barco. Cásanse pouco despois en
Ourense, abriralle a Carlos as portas de Suecia, un país que acabará coñecendo moi ben,
incluída a súa lingua, e que converterá nunha especie de modelo ideal para a súa Galicia
soñada. Estes son tamén os anos nos que se afianza como escritor, coa publicación de títulos
como “As laranxas máis laranxas de todas as laranxas”, “Xoguetes para un tempo
prohibido” ou “Os escuros soños de Clío”.
Tamén nesta década publica a exitosa tradución ao galego do “O principiño” (1972) do
francés Antoine de Saint-Exupéry, e da edición crítica da obra completa de Curros Enríquez.
Inicia a súa longa colaboración coa prensa, primeiro desde as páxinas de La Región de
Ourense e a partir de 1975 en La Voz de Galicia, xornal no que publica semanalmente a
sección “A ledicia de ler”.
Aquí vos deixamos diferentes LIGAZÓNS onde podedes atopar información e diferentes ACTIVIDADES relacionadas coa vida e obra dun dos nosos escritores máis representativos do século XX.
CEIP Plurilingüe de Tirán: recompilación de actividades para Educación Infantil e Primaria: actividades con pictogramas, taller de expresión escrita, encrucillados, sopas de letras e actividades para Educación Musical.
Velaquí vos deixamos un xogo de pasapalabra do CPR Cardenal Cisneros, co que podemos adquirir e afianzar coñecementos sobre o autor dunha forma lúdica.
Dende o IES Castro da Uz facilitannos o coñecemento da obra de Carlos Casares narrando, na súa voz, algúns dos seus relatos máis representativos, desde Lolo anda en bicicleta, A galiña azul ou Un polbo xigante ata Vento ferido e Cambio en tres.
ALBUMS ILUSTRADOS baseados na obra de Carlos Casares: As estrelas máis estrelas de tódalas estrelas e Unha viaxe con Carlos Casares.
O Seminario Galán comparte con todos os centros educativos este novo traballo sobre as Letras Galegas: 20 carteis que resumen os momentos máis salientables da biografía de Carlos Casares e un repaso por algunhas das obras máis coñecidas entre o alumnado máis novo: Toribio e o contador de contso, O can Rin e O lobo Crispine e A galiña Azul.
Este material compleméntase cun cuestionario de actividades dirixido a distintos cursos de primaria.
MARCAPÁXINAS: neste enlace tendes a vosa disposición un marcapáxinas que podedes facer cos máis cativos na clase.
No hay comentarios:
Publicar un comentario